Go back to Lyrics index page


ADIÓS, RÍOS; ADIÓS FONTES ................ (Rosalía de Castro)

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra, 
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboledas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muiño dos castañares,
noites claras de luar
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adiós, para sempre, adiós!

¡Adiós, groria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a cada onde nacín,
deixo a aldea que conoço
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a vega polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quén pudera no o deixar...!

Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

Xa se oyen lonxe, moi lonxe,
as campanas do pomar;
para min, ¡ay!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

Xa se oyen lonxe, máis lonxe...
Cada baalda é un dolor;
vóume solo, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

¡Adiós tamén, queridiña...
Adiós por sempre quizáis!...
Dígoche este adiós chorando
dende a veiriña do mar.
Non me olvides queridiña,
si morro de soidás...
Tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Go back to Lyrics index page

This page was last edited on September 26th 2004